lunes, 14 de noviembre de 2016

As cooperativas como alternativa real ao desemprego

As cooperativas como alternativa real ao desemprego




Poden ser as cooperativas unha alternativa real ao desemprego?

As cooperativas en Galiza están moi denostadas por varias razóns, atrévome a enimerar algunha delas. Podemos comezar polo sempre tan recorrido "pero os galegos non estamos afeitos a compartir", tamén temos a nomeada, é que están moi incentivadas pola Xunta, iso é que viven de subvencións, que non valen. Que os negocios compartidos nunca chegan a bo porto, que "iso non ten ánimo de lucro" e como non temos que dar as grazas a entidades, fundamentalmente do sector textil, que se aproveitaron desta fórmula xurídica para exercer unha explotación sen igual sobre as mulleres galegas, arruinando familias e mesmo vilas enteiras.

Ante todo isto, só quero falar con evidencias. As cooperativas son empresas, efectivamente compartidas, polos seus traballadores e traballadoras, se me permitides adicareime fundamentalmente ás cooperativas de traballo asociado, que son a clase de cooperativa, das que existen, a que mellor se adapta como alternativa de emprego.

Se ben algunha das cuestións que comentaba ao inicio desta reflexión non reflicten maior complicación que unha ollada a historia, como por exemplo o enunciado de que o pobo galego non está predestinado xenéticamente para compartir, ademais de ser falso por definición, por non existir tal cousa, vemos que é falso nos feitos, pois poucas comunidades existen máis fortes que o noso rural, onde aldeas enteiras xestionan conxuntamente terras, e fan  quendas de traballo para centralizar man de obra nunhas ou noutras tarefas.



Que sexa un modelo de empresa incentivada é precisamente porque en datos, é unha empresa que aguanta moi ben as crises económicas, permite un deesenvolvemento profesional de calidade, unha flexibilidade moi valorada e un mantemento do posto de traballo como valor máximo.

Que nos guste dicir que os negocios compartidos non son viables, pon de manifesto a deriva na falta de traballo en equipo que existe nos nosos días. Está claro que se traballamos en equipo, sexa cunha empresa, ou calquera outra actividade, temos que comunicarnos, negociar e ceder para chegar a acordos. Esta parte do noso coñecemento aprendese, trabállase, e co pensamento grupal, enriquécese enormemente a toma de decisións.

Todas as características comentadas fan das cooperativas unhas empresas realmente interesantes para o autoemprego, pero gustariame citar algunhas máis baseandome nos principios internacionais das cooperativas, enunciados pola Alianza Cooperativa Internacional (ICA -nas súas siglas en inglés-).



Dise das cooperativas que son:


  • De portas abertas, ou que a súa adhesión é voluntaria e aberta, isto non quere dicir que se a min me apetece podo ir por aí entrando na cooperativa que me pareza, pero si que quere dicir que é unha empresa cunha enorme facilidade de entreda e saida, que fai que sexa moi flexible para as persoas socias e facilite moito a decisión de formar parte da empresa.

  • Xestión democrática: As cooperativas son as únicas empresas que por mandamento legal teñen a obriga de ser xestionadas democráticamente, pero cunha democracia real, práctica e participativa. Se cadra isto pode parecernos un pouco laborioso ao principio, pero desde logo permite unha autonomía da persoa socia e da propia cooperativa moi enriquecedora á hora das tomas de decisións. Este principio así mesmo é a razón principal pola que se define ás cooperativas como empresas de persoas, fronte a formulas xuridicas como as S.L. que se definen como empresas de capital.

  • Participación económica. A cooperativa obriga a que todas as persoas socias participen enconómicamente da empresa, tanto na súa achega ao capital, como no reparto de beneficios ou perdas. Isto non quere dicir que todas as persoas socias teñan que achegar por igual, pero si que todas teñen que achegar un mínimo. Este reparto da inversión implica dúas cuestións fundamentais para a posta en marcha dun negocio, que as facilita enormemente. Por unha banda o reparto do capital a aportar -ten que poñer menos capital cada persoa para a mesma inversión- e por outra o reparto do risco, se o negocio non fora adiante, e perdéramos o capital achegado, sería unha perda menor que se unha persoa soa aportara todo o capital. Compre sinalar que as cooperativas son empresas de responsabilidade limitada ao capital aportado polas persoas socias.

  • Autonomía e independecia. Precisamente a forma da toma de decisións e a capacidade de autorregulación que nos concede a lei de cooperativas permite que sexan unhas das sociedade que maior grado de autonomía teñen fronte ás administracións. Tamén compre sinalar aquí que as cooperativas están obrigadas a depositar nun fondo para elas mesmas, o 20% dos beneficios obtidos. Este feito permite así mesmo unha maior independencia fornte a entidades de credito.

  • Educación, Formación e información. Non poderiamos garantir a xestión democrática sen unha alta cualificación e formación por parte das persoas socias no coñecemento cooperativo e da propia cooperativa. Se non estamos correctamente informados e informadas non poderemos decidir libre e autonomamente. Na lexislación de cooperativas está transposto este principio en multitude de artigos, garantindo o dereito das persoas socias á formación e información.

  • Cooperacion entre cooperativas. Como non podia ser de outro xeito as cooperativas cooperan entre si, non en vano forman parte da economía social. Un exemplo claro da cooperación entre as cooperativas é a cantidade de redes de colaboración creadas entre elas, ou que nas ordes de axudas da Xunta de Galicia exista un programa destinado unicamente á intercooperación. Na mentalidade cooperativa, buscanse alianzas temporais ou indefinidas no tempo que faciliten ás dúas partes a consecución dos seus obxectivos. Buscase o binomio gañar-gañar.

  • Interese pola comunidade. As cooperativas son empresas vinculadas ao territorio, non se poden separar as entidades do territorio a onde pertencen os seus socios e socias. Por esta razón é unha empresa que tende a coidar tremendamente a rexión na que se asenta, non busca expoliar os recursos da zona e cambiar unha vez non interese, como buscan algunhas empresas de capital. A coñecida responsabilidade social corporativa, tan de moda últimamente, está vinculada ás cooperativas dunha formaintrínseca, desde antes de que se comezara a coecer o termo nas empresas de capital.

Gustariame finalizar dicindo que con todas as características indicadas, considero que as cooperativas son un alternativa válida, lóxica, factible e recomendable ao desemprego. Que anímo ás persoas que teñan inquedanzas polo autoemprego, que perdan o medo a esta fórmula xurídica e se informen en profundidade sobre todas as posibilidades da mesma.

Para saber máis:

Consello Galego de Cooperativas
Unión Galega de Cooperativas de Traballo Asociado
Asociación Galega de Cooperativas Agrarias

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada